ESPAZO MOV-S

A programación do mov-s Galicia 2008 dividirase entre Pontevedra e a illa galega de San Simón.

ISLAS DE SAN SIMÓN Y SAN ANTONIO

As illas de San Simón e Santo Antonio constitúen un fito paisaxístico no fondo da ría de Vigo, debido á súa situación estratéxica, tiveron relación con algúns dos máis importantes episodios e personaxes da historia de Galicia.

Documentos do século XIX testemuñan a existencia dun convento na illa dende o século V, ainda que non é ata o século XII cando se confirma realmente a existencia dun mosteiro erixido pola Orde do Temple. A relevancia relixiosa da illa mantívose durante a Idade Media, o trobador Mendiño inmortalizou así a súa capela: “Sedíame eu na ermida de san Simón / e cercáronmi as ondas, que grandes son...”

A paz que lle daba á illa a vida monacal remataría coa chegada en 1589 de Francis Drake, que despois do asedio da Coruña, saquea e queima o convento de San Simón, que permanecería arruinado por un período de sete anos. En 1598 os monxes bieitos de Poio voltan á illa durante a epidemia da peste. En 1601, os franciscanos reconstrúen o convento, que empregarán como centro de noviciado.

En 1702 as illas víronse inmersas no que probablemente foi o episodio histórico máis trascendental acontecido na Ria de Vigo: a batalla de Rande, á que fai referencia Jules Verne na súa obra 20.000 leguas de viaxe baixo dos mares. En 1719 unha nova incursión inglesa, a cargo do Almirante Michells, ameaza de novo aos frades. De novo a inseguridade motivou o abandono da illa ata 1830, cunha posible visita das tropas napoleónicas durante a Guerra de Independencia.

Despois de case un século de abandono as illas reaparecen na historia galega como lazareto, debido á proliferación de epidemias e a elevada mortalidade que estas producían. Ate a súa clausura no 1927, seguiu funcionando como centro de tratamento e prevención de enfermidades epidémicas, pero tamén como lugar de repouso e de celebración de actos públicos. Xurdiron para a illa proxectos como a construción do primeiro aeródromo para hidroavións do estado ou dun orfanato; pero o estourido da Guerra Civil española daría un novo xiro á historia da illa, que se convertería en colonia penitenciaria, dende 1939 até 1944. (a penitenciaria pasaría por unha primeira época máis dura con fusilamentos e torturas até un certo relaxamento posterior que permitiu que se conservasen testemuños desa prisión)

Posteriormente as illas pasarían a ser residencia de verán da Garda de Franco, até que en agosto de 1950 afogaron nas súas proximidades corenta e tres membros deste corpo ao envorcar a embarcación que os trasladaba a Redondela. Este suceso precipitou a clausura da residencia e o abandono da illa, que se volvería empregar para a creación do Fogar Méndez Núñez para a Formación de Orfos de Mariñeiros, en funcionamento entre 1955 e 1963.

Dende entón foron sucedéndose os proxectos: porto deportivo, parador de turismo, etc. En 1991 a ponte que une as illas de San Simón e Santo Antonio é incluída no catálogo monumental da província de Pontevedra e en 1999 as illas son declaradas Ben de Interesse Cultural coa categoría de sitio histórico. A partir de 1998, e segundo un proxecto do arquitecto César Portela inícianse as obras para a rehabilitación e posta en valor das illas.

Isla de San Simón

Sala Plenaria

Na sala plenaria terá lugar a apertura do mov-s Galicia 08. Esta sala ten unha capacidade de 235 persoas aproximadamente. Tamén acollerá outras actividades como as mesas de debate ou os testemuños de artistas. .

Salas grupos

Entrando na illa, atopamos á dereita o edificio no que terán lugar os grupos de traballo do mov-s Galicia 08. Os relatorios desenvolveranse en tres salas cunha capacidade de 40 persoas cada unha.

Punto de información

Na illa contarase cun punto de información contínua, onde se poderá atopar información detallada do mov-s Galicia 08. No mesmo edificio, a cada lado do punto de información contínua hai dúas salas equipadas con material audiovisual para visionado de traballos. A sala, cunha capacidade aproximada de 30 persoas, será de uso libre para traballos, reunións ou contactos entre os profesionais asistentes.

Cafeteria e restaurante

A illa contará cun servizo de cafetería e restaurante. O prezo do menú será de 15€.

Pontevedra

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino S/N
36002 Pontevedra
O Teatro Principal será onde se dará a benvida ao Mov-s Galicia 08 o 15 de xuño de 2008 ás 19.00 horas, acollerá ademais a presentación de dúas das propostas artísticas do mov-s Galicia 08:

  • O día 15 de xuño ás 20.00 horas presentarase o espectáculo Cascuda de Diego Anido, seguido dun viño de benvida.
  • O luns 16 de xuño ás 20.00 horas presentarase o espectáculo 30.000 da compañía Pisando Ovos.

O Teatro Principal está emprazado no centro da cidade, en pleno centro histórico de Pontevedra, o que permite unha integración social e cultural que non sempre se atopa.
O edificio está composto por cinco pisos e dous sotos. O teatro ten unha capacidade para 434 persoas.

Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra

Rúa Alexandre Bóveda, s/n
36005 Pontevedra

No auditorio do Pazo da Cultura terán lugar a presentación do espectáculo do CCG Kiosco das Almas perdidas, o luns 16 de xuño ás 22.30 horas.

O Pazo da Cultura sitúase na parte noroeste da cidade, na rúa de Alexandre Bóveda, a escasos cinco minutos do centro urbano. Foi concibido como un conxunto de edificios que se articulan en distintos volumes para dar resposta ao seu variado programa cultural, de tal forma que poden ser usados de forma conxunta, simultánea ou independente. O auditorio é a nave central do edificio e ten unha capacidade para 772 persoas.

Casa dás Campas

Na sala de conferencias da Casa dás Campas, edificio veciño ( moi próximo) ao Teatro Principal en pleno centro histórico da cidade de Pontevedra, terá lugar a mesa plenaria de conclusións do mov-s Galicia 08, o mércores 18 de xuño ás 10:00 horas.

A Casa dás Campás é un edifico pertencente á Universidade de Vigo, este alberga as oficinas do Vicerreitorado do campus de Pontevedra, dispón ademais dunha sala de conferencias e varias salas polivalentes nas que a universidade programa regularmente exposicións e actividades culturais no ámbito das artes escénicas, plásticas e audiovisuais. Actividades nas que a cidadanía e a universidade se mesturan no coñecemento, a cultura e as sinerxías dos avatares cotiáns.

Cidade da Cultura

O día 18, despois da clausura do Mov-s Galicia 2008, farase unha visita a esta estrutura cultural guiada polo arquitecto Antonio Maroño.

Este complexo cultural deseñado por Peter Eisenman concíbese como unha infraestrutura ao servizo da cultura galega, baseada na revisión das necesidades e a complementariedade dos centros culturais xa existentes. O seu obxectivo é o de converterse no eixo vertebrador dos servizos culturais en Galicia, nun vehículo de relación e promoción exterior e nun axente promotor da cultura en Galicia e activo para o seu desenvolvemento económico. O proxecto articúlase ao redor dos seguintes centros: Arquivo Nacional de Galicia, Bilioteca-Hemeroteca, Taller-centro de recursos para as artes escénicas, visuais e musicais; Centro de investigación do patrimonio; Museo da Historia de Galicia, Centro de Arte Internacional-Museo de Nenos.

Os traslados entre Pontevedra e a illa de San Simón irán a cargo da organización. Un autobús recollerá aos asistentes nun punto próximo ao hotel (Praza de Galicia) e trasladaraos ata o embarcadoiro.