MOV-S GALICIA 2008 GALEGO

Mov-s é un espazo para o intercambio internacional da danza e as artes do movemento que celebrou a súa primeira edición en abril de 2007 no Mercat de les Flors (Barcelona). Mov-s busca construír pontes de unión entre os artistas e as organizacións de danza e as artes do movemento co fin de establecer vías naturais de encontro e colaboración. Mov-s é unha iniciativa do Mercat de les Flors de Barcelona e ten vocación de ser itinerante por todo o estado Español. Por este motivo, celébrase anualmente, un ano no Mercat de les Flors e ao seguinte noutra cidade ou comunidade española. Este ano 2008, mov-s terá lugar en Galicia e estará organizado en colaboración co Centro Coreográfico Galego.

O tema que se propón para esta edición e arredor do que xirarán as diferentes actividades enmarcadas en mov-s, é o seguinte: “as condicións para a creación coreográfica”.

O mov-s Galicia 08 proporá preguntas, e pretende obter algunhas respostas, recoñecer as condicións óptimas para que o proceso de creación se inicie con garantías de calidade e innovación. Con este obxectivo, propoñemos dúas mesas de debate e unha serie de grupos de traballo relacionados coas mesmas, máis íntimos e próximos, onde intercambiar opinións e experiencias.

Ademais, convidaremos moi especialmente a persoas relacionadas co desenvolvemento da danza en Flandes, por ser un referente histórico internacional do que se poden sacar as ensinanzas oportunas para o conxunto da danza. Tamén dedicaremos unha mirada especial á danza en Portugal e Brasil xa que por proximidade física e cultural poderemos establecer paralelismos.

 

Organizadores:


Mercat de les flors

MERCAT DE LES FLORS

Tras máis de vinte anos de historia, o teatro público do Mercat de les Flors de Barcelona inicia un novo período como Centro para as Artes do Movemento, nun proxecto conxunto organizado polo Concello de Barcelona, a Generalitat de Catalunya e o Ministerio de Cultura español. O obxectivo é conseguir que o Mercat se converta nun punto de referencia para todas as disciplinas artísticas relacionadas co movemento, principalmente a danza, traballando en rede con todo o territorio e implicándose no soporte á creación e a formación de públicos. Dende o mes de Xuño de 2007, a nova estrutura fíxose realidade e o Mercat de les Flors ten un novo marco organizativo.

Centro coreografico Galego

CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO

O Centro Coreográfico Galego é un centro de creación, produción, formación e investigación para o desenvolvemento da danza en Galicia. Un núcleo de diálogo e de interacción cultural, un espazo no que as principais linguaxes artísticas teñen cabida para enriquecer e favorecer o desenvolvemento da danza. O CCG ten como principal obxectivo fomentar a interacción entre os artistas e o público achegando a arte á cidadanía dun xeito normalizado.

O Centro Coreográfico Galego orienta o seu traballo a diferentes públicos: artistas profesionais, espazos de programación, intermediarios culturais e cidadáns. En canto aos profesionais da danza, apoiar a creación artística, a investigación e a formación, descentralizar accións e tender pontes entre proxectos e institucións, contribuíndo ao encontro da danza con outras disciplinas artísticas, son as principais vías de traballo. No referente ao público desenvolve accións de sensibilización cara a danza e traballa para colocar esta arte no centro da vida cultural galega.

O CCG creouse no 2006 e iniciou a súa actividade coa produción ‘Vacuo’, dirixida pola coreógrafa galega Maruxa Salas, ademais nesa primeira tempada coproduciu ’30.000’ coa compañía Pisando Ovos, e ‘Arte a Escena’ con Experimenta Danza, e apoiou dúas residencias artísticas: ‘Arder nun Hotel’ de Uxía P. Vaello e ‘Arándara’ con Merce de Rande e Henrique Peón. Desenvolveu ademais un completo programa de formación dirixido tanto a profesionais como a público.

Na súa segunda tempada produciu o espectáculo ‘Kiosco das almas perdidas’, dirixido polo coreógrafo catalán Roberto Oliván, coproduciu ‘Negro’ con Daniel Abreu, ‘Femenine’ con Paulo Ribeiro e ‘Tradicción’ de Nova Galega de Danza, e apoia oito residencias artísticas: ‘Casualidances ... desencontros’ de Antón Coucheiro, ’90 dB’ de Bárbara Bañuelos, ‘La danza del Cisce’ de Iker Gómez, ‘Some Things Happen all at once’ de Rosa Casado e Mike Brookes, ‘Alicia en Grusia Proyect’ de Estela Lloves, ‘Subidón, saldos de un bazar familiar’ de Félix Fernández e un proxecto de Maitè Delafin. Nestes momentos, traballa na que será a súa terceira produción propia, unha versión libre do ballet Giselle, dirixida por Cisco Aznar.